Preguntas frecuentes
Preguntas, incluídas as incómodas.
Aquí está o que fai Vigilia hoxe, non o que nos gustaría que fixese. Cando a resposta é «iso aínda non o fai», dise así.
A chamada
Como é a chamada e que pasa despois
Que pasa se non contesta?
Próbase outra vez ao día seguinte, e así ata o número de intentos que fixe o concello. Cada intento queda rexistrado no panel co seu resultado: alí está, chamada por chamada, quen levantou o teléfono e quen non.
E aquí vai a parte incómoda, dita sen rodeos. A conta de días sen resposta non a moven hoxe as chamadas do axente. Esa conta existe, a lista do panel ordénase por ela, e só sobe cando unha persoa do concello rexistra a man unha chamada. É dicir: a alguén a quen o axente chama catro días seguidos sen que colla o teléfono, as catro chamadas quédanlle apuntadas unha por unha, pero o contador segue no cero que lle puxo o alta. É o corazón do servizo e aínda non está conectado. Está identificado e é o seguinte que se fai; mentres non estea, preferimos que o leades aquí.
E a outra parte que convén saber antes de contratar nada: hoxe non salta ningún aviso automático porque alguén deixe de contestar. Non se chama á familia, nin ao médico, nin a servizos sociais. O que hai é o rexistro no panel; quen o ve e quen decide que facer é o equipo do concello. O escalado automático está por facer.
Quen escoita as chamadas?
Ninguén as escoita en directo: chama un axente de voz automático, non hai unha persoa ao outro lado. O que queda da conversa é a transcrición en texto e un resumo, e leos o persoal do concello responsable desa persoa. A familia non accede ás transcricións.
O que a familia si ve, e hai que dicilo porque cambia moito a resposta: a descrición das alertas automáticas, que leva dentro o resumo da conversa e as sinais que o modelo detectou, e o rexistro das chamadas que o concello anota a man, coas súas notas. Non é a conversa enteira, pero tampouco é nada.
A transcrición envíase a un modelo de linguaxe de Anthropic, que é o que fai o resumo e sinala se algo soa preocupante. Dicímolo porque é así: ese texto sae da nosa base de datos e pasa por un provedor de fóra.
Grávase a voz?
Non. O audio non se grava nin se conserva en ningunha parte do noso sistema. O que se garda é a transcrición en texto e o resumo.
O matiz honesto: a chamada cúrsaa un provedor de telefonía de voz, Vapi, e o que ese provedor faga co audio no seu lado depende do seu contrato, non do noso código. Non o podemos comprobar desde aquí, así que non prometemos nada del.
Cada canto se chama?
O que decida o concello para cada persoa. Non é unha frecuencia fixa do sistema: é un campo da ficha, e pode ser distinto para quen ten familia preto e para quen non ten a ninguén. Cámbiase cando faga falta.
A que hora chaman?
As chamadas pendentes fanse unha vez ao día, nun só lote. Hoxe non hai un campo de hora preferida por persoa, así que o momento do día é algo que se fixa ao poñer o servizo en marcha co concello e vale para todos.
Á parte diso, o persoal do concello pode lanzar unha chamada no momento desde o panel, sen esperar ao lote do día.
Dáse conta a persoa de que fala cunha máquina?
É probable que si, e non hai que disimulalo. É un axente de voz: fala, entende e responde, pero non é unha persoa, e non pretendemos que pase por unha. Convén que quen recibe a chamada o saiba de antes, explicado por alguén de confianza: quen chama, por que chama e que non hai que facer nada especial.
Que pasa se contesta outra persoa, ou se está na casa da filla?
Chámase ao teléfono, non á persoa, así que pode coller o aparello quen estea na casa. Se non se pode falar con quen se buscaba, a chamada queda rexistrada como tal e o intento repítese ao día seguinte.
Por iso a conta de días sen resposta non é un diagnóstico de nada: unha persoa pode levar unha semana sen contestar porque está na casa dunha filla en Lugo. O panel di que non se falou con ela; non di por que. Ese «por que» é o que vai mirar o concello.
En que lingua chama?
A voz e o guion da chamada non están no código: configúranse por fóra, e por iso forman parte do que se acorda co concello antes de empezar. Non imos afirmar aquí algo que non podemos ensinar. Se este punto é importante para vós —e en Galicia adoita selo—, preguntádenolo e respondémosvos co que haxa configurado.
Os datos
Que se garda e quen o ve
Que datos se gardan, e quen os ve?
Da persoa: nome, DNI, data de nacemento, teléfonos, enderezo, concello, se vive soa, a frecuencia de chamada e as notas que escriba o persoal. Dos contactos (familiares, médico, centro de saúde, traballadora social): nome, relación, teléfono e correo. De cada chamada: a transcrición, o resumo e os sinais que o modelo detectase na conversa, que poden ser datos de saúde.
Velo o persoal do concello responsable desa persoa, e ninguén doutro concello. Toda modificación dunha ficha queda rexistrada co nome de quen a fixo. O responsable dos datos é o concello; Vigilia trátaos por encarga súa. Os detalles, provedor por provedor, están na política de privacidade.
Bórranse os datos cando alguén se dá de baixa?
Non automaticamente, e preferimos dicilo a deixar que se descubra. Hoxe dar de baixa a unha persoa cambia o seu estado e deixa de chamala: as transcricións, os resumos e os documentos seguen aí. Non hai borrado programado nin prazo automático de caducidade no sistema.
Os prazos de conservación fíxanse no contrato de encarga do tratamento co concello, e o borrado hai que facelo. E se alguén quere exercer o seu dereito de supresión, exércese ante o concello, que é o responsable dos datos; nós atendemos o que o concello nos indique.
Está isto preparado para a protección de datos?
A parte técnica si: cada concello ve só os seus, os documentos están en almacenamento privado e cada acceso usa unha ligazón asinada que caduca nun minuto, e os cambios quedan rexistrados. A parte de papel —contrato de encarga, prazos de conservación, información ás persoas— faise co concello, porque é el o responsable.
O que hoxe non hai no sistema é un rexistro de consentimento: ningún campo onde quede gardado que a persoa aceptou as chamadas. Acórdase e documéntase fóra do programa.
O servizo e o prezo
Que custa, que pide e que non é
Canto custa?
9 € por persoa atendida e mes. Sen cota de alta, sen hardware e sen instalación. Cen persoas en seguimento son 10.800 € ao ano, por debaixo do límite do contrato menor de servizos.
Paga o concello. Non paga nada a familia nin a persoa maior. Como se tramita, paso a paso.
Hai que instalar algo?
Non. Na casa da persoa maior non se instala nada: nin aparello, nin pulseira, nin botón, nin cámara, nin aplicación. Úsase o teléfono que xa ten, fixo ou móbil.
O persoal do concello entra ao panel cun navegador, coma a calquera outra páxina. Non hai programa que instalar nin servidor que montar.
E se a persoa non quere?
Non se lle chama. É a súa decisión, non a da súa familia, e a resposta «non quero» é suficiente sen máis explicación.
Antes de empezar é importante que o saiba e que estea de acordo, e que alguén lle poida explicar con calma quen vai chamar e para que. E se despois de empezar quere deixalo, déixao cando queira, sen dar razóns.
Substitúe a teleasistencia ou a axuda no fogar?
Non. Non substitúe a teleasistencia, nin a axuda no fogar, nin o centro de día, nin unha visita. Ninguén entra na casa e ninguén leva a comida nin axuda a ducharse. Vigilia fai unha cousa: chamar e levar a conta de con quen non se falou.
E non é un servizo de urxencias. Para unha emerxencia chámase ao 112. Non estamos aí nin estaremos: as chamadas son de seguimento e non as mira ninguén nese momento.
Hai xa concellos usándoo?
Non. Vigilia está en desenvolvemento e non hai hoxe ningún concello co servizo en funcionamento. Non temos cifras de persoas atendidas nin de chamadas feitas porque non as hai, e non as imos inventar para esta páxina.
Se o voso concello quere ser o primeiro, diso falamos ben a gusto, co que está feito e co que falta por diante. Escribir a Vigilia.
Quen está detrás?
Darío Sánchez Lago, desde Curtis, na Coruña. Non hai detrás un fondo nin un departamento comercial; hai unha persoa que responde o correo e dá a cara nas reunións. Escríbese a hola@dariosanchezlago.com.
Falemos
Falta algunha pregunta?
Se a vosa dúbida non está aquí, escribídenola e respondémola. Se a resposta é «iso aínda non o fai», tamén vai dita así, e logo entra nesta páxina.