Para secretaría, intervención e servizos sociais
Un servizo de seguimento telefónico que cabe nun contrato menor.
O padrón dá un dato de residencia. Non di quen levantou o teléfono esta semana e quen non. Esa conta hoxe non consta en ningún sitio: lévase de memoria, e cando hai que responder por un caso —a un familiar, a unha reclamación, a un pleno— hai que reconstruíla despois preguntando a quen se acorde.
Vigilia chama ás persoas que o voso concello decida e deixa por escrito, chamada por chamada, quen colleu o teléfono e quen non. O rexistro queda feito antes de que alguén o pida. A lista do panel ordénase pola conta de días sen resposta de cada persoa, que hoxe aliméntase das chamadas rexistradas a man no panel; conectala coas do axente está por facer. Quen valora e quen actúa segue sendo o persoal do concello.
O reparto
Que pon o concello e que pon Vigilia.
Non hai zonas grises. Isto é todo o que fai falta para que o servizo funcione, e de quen é cada cousa.
| Que fai falta | Quen o pon |
|---|---|
| A lista das persoas que entran en seguimento | O concello |
| Os teléfonos e os datos de cada persoa | O concello |
| A frecuencia de chamada de cada persoa | O concello |
| O persoal que mira o panel e decide que facer | O concello |
| Anotar no panel as chamadas feitas a man, que son as que hoxe moven a conta de días sen resposta | O concello |
| A relación coa persoa e coa súa familia | O concello |
| A condición de responsable do tratamento | O concello |
| As chamadas de seguimento | Vigilia |
| O rexistro escrito de cada chamada, co seu resultado | Vigilia |
| O panel e as contas de acceso do persoal | Vigilia |
| O soporte e o mantemento do servizo | Vigilia |
O concello é responsable do tratamento. Vigilia é encargado: trata os datos por conta do concello e seguindo as súas instrucións, co contrato de encarga do artigo 28 do RGPD asinado antes de empezar.
Vigilia non valora casos, non abre expedientes, non fala coa familia e non decide nada sobre ninguén. Chama, apunta e ponvolo diante.
Que custa
9 € por persoa atendida e mes.
Sen cota de alta, sen hardware, sen instalación e sen licenzas de usuario. Páganse as persoas que están en seguimento ese mes, non o número de empregados que entran no panel.
| Persoas en seguimento | Ao mes | Doce meses |
|---|---|---|
| 10 | 90 € | 1.080 € |
| 25 | 225 € | 2.700 € |
| 50 | 450 € | 5.400 € |
| 75 | 675 € | 8.100 € |
| 100 | 900 € | 10.800 € |
| 138 | 1.242 € | 14.904 € |
A fórmula é a multiplicación que está á vista: persoas × 9 € × meses. Non hai conceptos ocultos nin mínimo de facturación.
Por que isto é un contrato menor
O contrato menor de servizos é o de valor estimado inferior a 15.000 € sen IVE, segundo o artigo 118 da Lei 9/2017, de Contratos do Sector Público. Adxudícase directamente, sen publicidade previa. Iso non quere dicir que quede fóra da transparencia: a información de todos os contratos menores publícase trimestralmente no perfil do contratante (artigo 63.4).
- Duración máxima: un ano, e non admite prórroga (artigo 29.8). Ao cabo do ano hai que volver tramitar.
- Tramitación. Informe do órgano de contratación que motive a necesidade do contrato, xustificación no expediente de que non se está alterando o obxecto do contrato para eludir os limiares (artigo 118.2), aprobación do gasto e incorporación da factura ao expediente.
- Non se pode fraccionar o obxecto do contrato para eludir os limiares (artigo 99.2). Partir o mesmo servizo en varios contratos menores está prohibido.
- O limiar mídese sobre o valor estimado sen IVE, non sobre o importe con imposto. O valor estimado de doce meses é o que hai que comparar cos 15.000 €.
Do prezo sae un número útil: a 9 € por persoa e mes, o tope de 15.000 € alcánzase en 138 persoas —138 × 9 × 12 = 14.904 €—. Calquera concello que siga a 138 persoas ou menos durante un ano queda por debaixo do limiar.
Isto é información xeral sobre a figura do contrato menor, non un informe xurídico. A cualificación do contrato, o procedemento que corresponda e a decisión de contratar son do órgano de contratación e dos informes da súa secretaría e da súa intervención. Nós non facemos esa valoración nin asumimos a súa responsabilidade.
Posta en marcha
Que hai que facer, por orde.
Non damos prazos en días porque non temos ningunha posta en marcha feita e un prazo inventado nunha web acaba sendo un prazo esixible. O que si podemos dicir é o traballo que leva cada paso e de quen é.
-
Unha reunión
Contádesnos a cantas persoas estades seguindo hoxe e como. Dicímosvos se o servizo vos serve ou se non. Unha hora, por videochamada ou no concello.
-
A lista de persoas e os seus teléfonos
Isto é o único traballo de datos que leva. Sácase do que xa tedes en servizos sociais: nome, teléfono e os contactos de cada persoa, se os tedes. Vale unha folla de cálculo.
-
Contrato e encarga de tratamento
O contrato do servizo e o contrato de encarga do tratamento do artigo 28 do RGPD, que é o que habilita a Vigilia a tratar eses datos. Ambos van ao expediente. Para iso está a ficha técnica, pensada para adxuntarse.
-
Alta das persoas no panel
Dalas de alta e fixar a frecuencia de chamada de cada unha. Podémolo facer nós coa lista ou pódelo facer o voso persoal.
-
Formación do persoal
É un panel nun navegador: non hai nada que instalar, nada que configurar en ningún equipo e nada que integrar cos vosos sistemas. Quen use o padrón ou un xestor de expedientes non vai atopar aquí nada máis difícil.
-
Primeiras chamadas
O servizo empeza a chamar. Desde a primeira semana o panel xa ensina, chamada por chamada, quen contestou e quen non. A conta de días sen resposta que ordena a lista aliméntase das chamadas que o persoal rexistra a man; conectala coas do axente está por facer.
O que fai falta do voso lado
Un navegador. Nada máis.
- Nada que instalar. O panel ábrese nun navegador actualizado, desde un ordenador do concello ou desde un móbil.
- Ningún equipo na casa de ninguén. Sen pulseiras, sen botóns, sen caixa na parede. Chámase ao fixo ou ao móbil que a persoa xa ten.
- Ningunha integración cos vosos sistemas. Vigilia non se conecta ao padrón, nin ao xestor de expedientes, nin á sede electrónica.
- Ningunha compra de licenzas. As contas do panel van no prezo por persoa atendida.
- Non require persoal novo. Require que alguén do equipo mire o panel. Se ninguén o mira, o servizo non serve para nada: iso é honesto dicilo antes de asinar.
Os límites e o risco
O que non vos podemos prometer.
Un interventor vai preguntar que pasa se isto falla. Preferimos que o lea aquí.
- Non hai aviso automático. Que unha persoa non conteste non dispara hoxe ningunha chamada, correo, SMS nin notificación a ninguén. Queda apuntado no panel e vese no panel. O aviso automático e o escalado a familia, médico ou servizos sociais están por facer.
- Non é un servizo de emerxencia. Non chamamos ao 112, non nos coordinamos coa Garda Civil e non hai ninguén de garda vinte e catro horas.
- Non diagnostica. O resumo dunha conversa non é un informe clínico nin unha valoración social.
- Non substitúe ningún servizo. Nin a axuda no fogar, nin a teleasistencia, nin o traballo social. Leva a conta dunha cousa que hoxe non leva ninguén.
- Está en desenvolvemento, e non hai ningún concello co servizo en funcionamento. Ningún. O concello que entre agora entra como primeiro: vai atopar cousas por rematar e vai influír no que se fai despois. Se o que precisades é un servizo rodado con anos de uso detrás, hoxe non somos iso.
Falemos
Se no voso concello hai xente que vive soa, o problema xa o tedes.
Escribídenos cantas persoas estades seguindo e como o facedes agora. Con iso xa podemos dicirvos se Vigilia vos serve ou se non, e canto custaría no voso caso.